Wednesday 08 de May de 2024

O Concello de Brión realizou traballos de limpeza e desinfección nas súas 106 aldeas


O Concello de Brión, a través do Grupo de Emerxencias
Supramunicipal, vén de realizar traballos de limpeza e desinfección en todas e cada unha das
106 aldeas do municipio coa finalidade de evitar a propagación do coronavirus COVID-19.
Uns traballos realizados co tractor municipal e que incluíron a limpeza das vías e mobiliario
urbano, con especial atención aos contedores de recollida do lixo, empregando hipoclorito
sódico ao 0,1% (20 ml de lixivia común por litro de auga), tal e como recomenda o
Ministerio de Sanidade.
Uns traballos que se iniciaron o pasado mércores 25 de marzo nas zonas máis poboadas (Os
Ánxeles, Brión e Bastavales) e que continuaron durante esta fin de semana ata completar as
106 aldeas das nove parroquias do municipio. De feito, durante o domingo chegouse tamén
ás aldeas menos poboadas das parroquias da “parte alta” do municipio (Cornanda, Luaña,
Ons e Viceso).
Uns labores que terán continuidade nos próximos días e que se desenvolven paralelamente
aos traballos de limpeza viaria, desinfección de edificios públicos e limpezas das zonas con
maior afluencia de xente. Unhas tarefas de desinfección manual levadas tamén a cabo por
persoal do Grupo de Emerxencias Supramunicipal e que teñen lugar nos arredores dos
establecementos de primeira necesidade (farmacias, supermercados, panaderías, entidades
bancarias, estancos, etc), así como do mobiliario urbano e contedores de lixo destas zonas.